Concello de Valga
Avda. da Coruña, 14. 36645 Valga (Pontevedra) concello.valga@eidolocal.es Tlf. 986 559456 Fax. 986 559455

Detalles da novidade

A CRUZ ALTA DE MAGARIÑOS XA ESTÁ REUBICADA TRALO PROCESO DE RESTAURACIÓN AO QUE FOI SOMETIDA

- O cruceiro quedara roto nunha quincena de fragmentos tralo accidente dun camión

- A Dirección Xeral de Patrimonio autorizou o seu traslado para garantir a súa conservación

07/12/2017

A Cruz Alta de Magariños xa está colocada no seu novo emprazamento logo da súa restauración. O cruceiro sufrira importantes danos a consecuencia dun accidente. Fora en concreto un camión o que lle dera un golpe partindo nunha quincena de fragmentos a vara e as figuras deste elemento patrimonial que se erixía no medio dunha estrada, nun cruce de camiños, o que xa provocara anteriores incidentes. É por iso que se tramitou ante a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia o seu traslado a un terreo colindante, situado no lateral da estrada, moito máis axeitado para garantir a conservación do monumento e que, ademais, o realza.

Logo de realizar todos os trámites precisos ante Patrimonio e coa autorización deste organismo da Consellería de Cultura, a finais de novembro acometeuse a primeira fase dos traballos coa adecuación do novo emprazamento do cruceiro, a execución da cimentación, a marcaxe das pezas e a montaxe da base. Delimitouse unha zona fóra do ámbito de acción da estrada e deixando os marxes precisos para a instalación de redes de alcantarillado e outros servizos para que, no futuro, non haxa que mover de novo o cruceiro. Realizouse unha zapata de formigón con ferro para facer unha base firme, procedeuse a numerar as pezas en función da súa ubicación e, seguindo a mesma orde, montouse de novo a base coa mesma orientación que tiña orixinalmente.

O pasado martes continuaron os traballos co asfaltado do lugar no que antes se ubicaba a cruz para permitir a normal circulación de vehículos e, a continuación, coa colocación do monumento, tarefa que estivo dirixida polo restaurador José Iglesias. Este explica que, a consecuencia do accidente do camión, “o cruceiro quedou bastante afectado e presentaba varias fracturas totais. Realizouse unha recomposición previa para saber en que lugar ía cada peza”. Estas, unha vez aliñadas, pegáronse con resina epoxi. O martes trasladouse o cruceiro a Magariños para colocalo in situ sobre o dado da base e hoxe xoves estanse a realizar as últimas actuacións, co tapado das gretas con mortero de cal e unha limpeza supeficial “moi suave e sen químicos”. José Iglesias estima que este elemento patrimonial data do século XVIII. “É bastante antigo, vese pola erosión que presenta e que é consecuencia do vento e da chuvia”.

A cruz xa presentaba signos dunha rotura e reconstrución anterior. “Xa tivo, como mínimo, unha intervención previa, de feito pode percibirse que daquela o cruceiro quedara fracturado en cinco pezas”. O restaurador apunta que é preciso coidar o monumento e velar pola súa conservación xa que un novo golpe sería practicamente definitivo.

A Cruz Alta de Magariños, na que a vara e a cruz forman un único bloque de pedra de cantería, o que técnicamente a diferenza dun cruceiro ao uso, presenta no anverso a un Cristo crucificado con tres cravos e ladeando a cabeza cara a súa dereita. Por baixo aparece unha caveira sobre dúas tibias atravesadas, símbolo da morte. No reverso pode observarse á Virxe de pé, sobre un pedestal e en actitude orante. Baixo dela, a figura dun bispo cun báculo na man dereita e un libro na esquerda. O autor Lois Ladra apunta na súa obra “Arte relixiosa popular na terra de Valga. Cruceiros, cruces e petos de ánima” que podería tratarse de San Bento.