Concello de Valga
Avda. da Coruña, 14. 36645 Valga (Pontevedra) concello.valga@eidolocal.es Tlf. 986 559456 Fax. 986 559455

Detalles da novidade

O ALCALDE E OS ARTISTAS PEPE POTEL E ÁNGELES GARRIDO INAUGURAN NO AUDITORIO A EXPOSICIÓN “A DÚAS MANS”
- A mostra reúne unha vintena de obras, entre pinturas paisaxísticas e debuxos 
 
- Compañeiros de taller en Xanza, os dous pintores levan máis de dúas décadas promocionando esta disciplina artística en Valga
 
06/12/2017

 O alcalde, José María Bello Maneiro, e os artistas valgueses Ángeles Garrido e Pepe Potel inauguraron na tarde de onte a exposición “A dúas mans”, que pode verse no Auditorio Municipal ata finais deste mes de Nadal. A mostra reúne unha vintena de obras, pinturas paisaxísticas ao óleo, acrílicos ou con pigmentos as de Potel e debuxos figurativos e íntimos feitos con carbón os de Ángeles Garrido. No acto participou tamén José María García, presidente da asociación Adeval, na que ambos artistas imparten clases de pintura.

Esta mostra é xa “un clásico polo Nadal”, apuntou Potel. posto que xa é o terceiro ano que el e a súa compañeira de taller expoñen no Auditorio no mes de decembro. O alcalde, pola súa parte, amosouse “encantado de que volvades a expoñer na vosa casa, na casa de todos os valgueses e de todos os artistas do municipio”. Ademais, destacou a labor cultural que desempeña a asociación Adeval. “O seu presidente e Pepe Potel foron os que botaron a andar a escola de pintura. Aí siguen” e, grazas a iso, hoxe en día “hai moita canteira en Valga”.
 
Ángeles Garrido e Pepe Potel comparten o taller que a asociación Adeval ten en Xanza e veñen de participar durante todo novembro nunha exposición colectiva na sede da Asociación de Empresarios de Santiago, no Polígono do Tambre. Hai máis de vinte anos que ambos apostaron por desenvolver a súa afección pola pintura. Potel leva un cuarto de século dándolle aos pinceis. “Comecei na Asociación de Arte e Cultura Galega, na que estiven durante uns anos e que me permitiu expoñer en moitos lugares aos que por min mesmo non podería chegar”, lembra. Despois, os dous compañeiros de taller centraron o seu traballo en promocionar a pintura en Valga e, en particular, a sala de exposicións do Auditorio. Ángeles conta xa cunha traxectoria de quince anos como mestra, tanto neste colectivo como en actividades do Concello. “Hai interese pola pintura en Valga”, asegura. “Quizais porque algúns pais volcan as súas ganas de pintar nos seus fillos”. Tamén imparte clases a maiores, que “din que quen lles dera ter aprendido a pintar de pequenos”.
 
“A dúas mans” dará paso xa no novo ano á exposición “Á violencia de xénero…dille non!”, unha mostra gráfica para recoñecer e rexeitar conductas nocivas relacionadas coa violencia machista. Forma parte do programa de concienciación para a igualdade “Valga Violeta” e poderá verse entre o 2 e o 14 de xaneiro. A continuación, entre os días 15 e 30 de xaneiro Sandra Parguiña protagonizará a exposición de pintura “Identidade. Indagacións sobre a memoria e o esquecemento”.