Concello de Valga
Avda. da Coruña, 14. 36645 Valga (Pontevedra) concello.valga@eidolocal.es Tlf. 986 559456 Fax. 986 559455

Detalles da novidade

A PRIMEIRA FASE DAS OBRAS DO CENTRO DE INTERPRETACIÓN DA CAÑA ESTÁ A PIQUES DE REMATAR
-  Rehabilitouse e dotouse de cuberta a unha vella edificación no entorno do Parque Irmáns Dios Mosquera
 
- O Concello reservou para esta actuación parte do remanente de tesourería e Turismo de Galicia aportou 104.623,78 euros
 
06/12/2017
A primeira fase das obras do Centro de Interpretación da Caña do País, executadas pola empresa Cantería Jorge Búa, está xa moi avanzadase a piques de rematar. Os traballos consistiron na reconstrución dunha antiga edificación de pedra que se atopaba en estado ruinoso e que se empraza no entorno do Parque Irmáns Dios Mosquera, no que se celebra cada ano a festa de exaltación da augardente. As obras tamén inlcúen a instalación da cuberta do edificio.
 
O Concello reservou para esta actuación parte do seu remanente de tesourería, en concreto 73.848 euros e, ademais, Turismo de Galicia aportou 104.623,78 euros en virtude dun convenio asinado entre a directora desta Axencia, Nava Castro, e o alcalde José María Bello Maneiro.
 
En vindeiras fases levaranse a cabo os traballos de acondicionamento interior e a dotación de contido, no que xa está a traballar o goberno local. Precisamente para definir o contido desta nova instalación museística coa que contará Valga o Concello buscou o asesoramento do Consello Regulador das Indicacións Xeográficas das Augardentes e Licores de Galicia. O Centro de Interpretación da Caña do País incluirá distinto material multimedia relacionado co proceso de elaboración da augardente e tamén algúns dos utensilios e ferramentas que se empregan para destilar a caña, como alambiques. Para sacar o máximo partido ás instalacións, engadiranse outros elementos expositivos que están a ser estudados.