Concello de Valga
Avda. da Coruña, 14. 36645 Valga (Pontevedra) concello.valga@eidolocal.es Tlf. 986 559456 Fax. 986 559455

Detalles da novidade

OS USUARIOS DO CODI E ALUMNADO DUN COLEXIO DE PONTEVEDRA VISITAN O BELÉN ARTESANAL
Hai xa confirmadas para as vindeiras semanas outras catorce visitas de centros educativos e outros colectivos de Galicia e Portugal
 
A do domingo foi a xornada inaugural con máis asistencia de público da historia do Belén, unhas 1.200 persoas
05/12/2017
Os usuarios do CODI e alumnado do colexio Los Sauces de Pontevedra estrearon esta mañá as visitas organizadas ao Belén Artesanal en Movemento. Primeiro fixérono os usuarios do centro de Baño, como parte das actividades da Semana da Discapacidade, que remataron hoxe. A continuación foron os alumnos do colexio pontevedrés os que percorreron o local de Campaña, un total de corenta nenos de 1º e 2º cursos de Primaria acompañados por varias profesoras. Este centro educativo é un habitual do Belén dende hai anos, sempre procurando que participen na visita distintos grupos para que pasen polo nacemento todos os rapaces do colexio.

Para as vindeiras semanas hai xa confirmadas outras catorce visitas organizadas de centros educativos e outras entidades e colectivos de Ferrol, Pontevedra, Moraña, Pontecesures, Vilaxoán, Portas, Vilagarcía, Caldas de Reis e Meaño e, por suposto, tamén os centros escolares de Valga: a Escola Infantil, o Centro Rural Agrupado, os colexios de Baño e Ferro Couselo e o instituto. O día 5 de xaneiro será un grupo de estudantes de Portugal os que se acheguen a Campaña para gozar do Belén Artesanal en Movemento, que conta nesta edición con arredor de 4.500 figuras dispostas nunha superficie de 400 metros cadrados.

Trens de pasaxeiros e mercadorías coas súas correspondentes estacións que percorren toda a montaxe, os independentistas cataláns –dende os que fuxiron a Bruxelas como ata os que están no cárcere-, Roberto Vilar e súa nai coa tortilla entrevistando a Julio Iglesias, a “cobra” entre Chenoa e Bisbal, os incendios forestais que asolaron os montes galegos este verán, José Coronado e Álex González durante a súa rodaxe en Arousa, Manel Navarro na súa participación en Eurovisión, o clásico do fútbol Real Madrid-Barça dirixido polo único trío arbitral galego de Primeira División, do que forma parte o valgués Alfonso Costoya, o enfrontamento nuclear entre Donald Trump e o líder norcoreano Kim Jong-un, a entrega de premios do concurso “Tapa á Anguía” que se celebra cada verán en Valga ou a presentación do himno municipal son só algunhas das novas escenas coas que conta o Belén Artesanal en Movemento. Engadíronse aproximadamente 200 novas figuras feitas con papel, arame, cinta de carroceiro e pasta de modelar. Tamén se incorporaron novas edificacións, construídas na súa meirande parte con estrutura de madeira e algunhas recubertas de pedra. 
 
Unha trintena de veciños e integrantes da asociación Amigos do Belén traballaron durante máis de dous meses na montaxe para que todo estivese a punto para a inauguración do pasado domingo. Foi a xornada inaugural con máis asistencia de público da historia do Belén Artesanal, con arredor de 1.200 visitantes.

O nacemento permanecerá aberto ao público de xeito gratuíto ata o domingo 7 de xaneiro, entre semana de 17:30 a 20:30 horas, os sábados de 17 a 20:30 e os domingos e festivos de 12 a 14 horas pola mañá e de 17 a 20:30 pola tarde. Os colexios, asociacións e outros grupos poden concertar as visitas a través do número de teléfono 630 95 25 15.