Concello de Valga
Avda. da Coruña, 14. 36645 Valga (Pontevedra) concello.valga@eidolocal.es Tlf. 986 559456 Fax. 986 559455

Detalles da novidade

O CONCELLO REALIZA OBRAS DE MANTEMENTO E REPARACIÓN DOS ACCESOS ÁS FERVENZAS DE PARAFITA

- Operarios municipais reforzaron tramos das varandas e chanzos da pasarela que chega ata o salto de auga

- Actuacións similares xa se levaron a cabo en Mina Mercedes, no Parque Irmáns Dios Mosquera e na praia fluvial de Vilarello

02/12/2017

O Concello de Valga executou traballos de mantemento e reposición dos accesos ás fervenzas de Parafita. Operarios municipais repuxeron distintos tramos das varandas de madeira que se atopaban en condicións de inseguridade, reforzando a instalación noutros puntos que tamén o precisaban. As tarefas realizáronse tanto no camiño de acceso a este entorno natural como na pasarela e nas escaleiras que chegan ata o salto de auga. Nestas últimas tamén se arranxaron chanzos que estaban soltos.

Estas obras enmárcanse dentro dunha campaña de mellora e acondicionamento de espazos de interese de Valga. Con anterioridade xa se realizaran traballos similares na lagoa Mina Mercedes, na praia fluvial de Vilarello e no Parque Irmáns Dios Mosquera, lugares nos que se tamén se repuxeron varandas e se acometeron reparacións no mobiliario urbano.

Con estas actuacións o Concello de Valga busca manter en condicións óptimas espazos de interese do municipio nos que, debido ao paso do tempo e ao seu uso por parte de veciños e visitantes, se tiñan detectado algúns elementos deteriorados que agora se están a substituír e arranxar en beneficio e para a seguridade dos usuarios.