Concello de Valga
Avda. da Coruña, 14. 36645 Valga (Pontevedra) concello.valga@eidolocal.es Tlf. 986 559456 Fax. 986 559455

Detalles da novidade

O AUDITORIO PROGRAMA PARA O NADAL ESPECTÁCULOS E OBRADOIROS INFANTÍS, CONCERTOS E FESTIVAIS

- As actividades comezan o domingo 17 cun festival benéfico a favor da Asociación Española contra o Cancro

- A exposición “A dúas mans”, de Ángeles Garrido e Pepe Potel, pode verse durante todo o mes de decembro

01/12/2017

O Auditorio Municipal centra nas festas de Nadal a súa programación para os meses de decembro e xaneiro con festivais musicais e benéficos, espectáculos e obradoiros infantís e o concerto de fin de ano a cargo das distintas agrupacións da Escola Municipal de Música e a Coral Polifónica Santa Comba.

As actividades comezan o domingo 17 de decembro cun festival benéfico para recaudar fondos para a Asociación Española contra o Cancro. Haberá representacións teatrais, música, humor e sorteos a partir das 18 horas. Os centros escolares de Valga reuniranse na mañá do xoves 21 nun Festival de Nadal e o venres 22, tamén dirixido aos máis pequenos, haberá un obradoiro de elaboración de postais de Nadal a partir das 17:30 horas e con entrada de balde. Esta actividade é organizada polas bibliotecas municipais.

O sábado, 23 de decembro, celébrase a III Gala de Zumba e Fitness cos alumnos da academia de Graciela Viturro, entre eles os nenos das actividades extraescolares organizadas pola Asociación de pais e nais de alumnos do colexio de Baño. As coreografías e demostracións de zumba e body jump poderán presenciarse de xeito gratuíto. O espectáculo infantil “O Show dos Paiasos” fará unha parada en Valga durante este Nadal. Será o martes, 26 de decembro, a partir das 17 horas con entrada de balde para os nenos menores de 2 anos e a 4 euros para o resto do público.

Antes de rematar o ano, o venres 29 pola tarde, os nenos teñen unha nova cita no Auditoiro cun obradoiro de postais de Reis promovido polas bibliotecas municipais e o día 30 pecharase a programación do mes de decembro cun concerto de fin de ano a cargo da Coral Polifónica Santa Comba de Cordeiro e as distintas agrupacións da Escola Municipal de Música: o coro infantil dirixido por Tomás Rábanos, a Banda Peque e a Xove Banda con Pedro José Torres Diz á batuta, e a Banda de Música Municipal de Valga dirixida por Manuel Villar Touceda e co acompañamento da solista de acordeón Nerea Rodríguez Núñez. O festival comezará ás 21 horas con entrada de balde para todo o público.

A partir do día 4 de decembro e ata finais de mes poderá verse no Auditoiro a exposición de pintura “A dúas mans”, de Ángeles Garrido e Pepe Potel. Tomaralle o relevo, do 2 ao 14 de xaneiro, “Á violencia de xénero… dille non!”, unha mostra gráfica para recoñecer e rexeitar conductas nocivas. E do 15 ao 30 de xaneiro Sandra Parguiña protagonizará a exposición de pintura e grabado “Identidade. Indagacións sobre a memoria e o esquecemento”.

Durante o mes de xaneiro o Auditorio acollerá tamén un obradoiro no que os nenos poderán escribir a súa carta aos Reis Magos. Será o xoves 4, na véspera da Cabalgata de Reis e, igual que os dous anteriores, é organizado polas biblitecas municipais. O domingo 21 ás 18 horas a asociación xuvenil “A Eira” ofrecerá o seu Festival de Inverno con música e cancións en directo cos máis mozos como protagonistas.

Do 26 ao 28 de xaneiro terá lugar o segundo encontro do Curso de Dirección Musical organizado pola Escola Municipal de Música e dirixido polos mesters Pere Molina González e Manuel Villar Touceda. E para rematar o primeiro mes do 2018, o sábado 27 haberá unha nova cita co ciclo “Música coas nosas bandas”, neste caso a cargo da Banda de Música de Vilatuxe, dirixida por Víctor Manuel Vilariño Salgado.