Concello de Valga
Avda. da Coruña, 14. 36645 Valga (Pontevedra) concello.valga@eidolocal.es Tlf. 986 559456 Fax. 986 559455

Detalles da novidade

O GOBERNO MUNICIPAL ACOMPAÑA Á GARDA CIVIL DE VALGA NA CELEBRACIÓN DO DÍA DA SÚA PATROA

- A igrexa parroquial de San Miguel acolleu unha cerimonia relixiosa na honra da Virxe do Pilar

- O sarxento-comandante do posto valgués, Antonio Álvarez, e o alcalde José María Bello Maneiro presidiron o acto

12/10/2017

A Garda Civil de Valga celebrou este mediodía a festividade da súa patroa, a Virxe do Pilar, cunha cerimonia relixiosa na igrexa parroquial de San Miguel que estivo presidida polo sarxento-comandante do posto valgués da Benemérita, Antonio Álvarez, e o alcalde José María Bello Maneiro.

Outros tres concelleiros do grupo de goberno, José Ángel Souto Jamardo, José Lajos e Manuel Ferreiro Maneiro, acompañaron á Garda Civil nesta xornada, ao igual que efectivos da Policía Local e dos servizos de emerxencias de Valga e outras localidades  veciñas, familiares dos gardas e outras autoridades e invitados.

A cerimonia relixiosa estivo oficiada polo sacerdote Arturo Lores Santamaría que expresou a súa solidariedade coa Garda Civil “nestes momentos difíciles que vivimos todos”, con palabras de lembranza en especial para os efectivos que están a prestar servizo en Cataluña. No transcurso da misa interveu, tamén, José María Muñoz da Comandancia de Pontevedra para pedir á Virxe do Pilar “que protexa a España”  e axude á Benemérita “a seguir cumprindo co servizo que presta día a día”.

Debido aos acontecementos das últimas semanas, a Garda Civil decidiu suspender todos os actos festivos e lúdicos programados para o día do Pilar a excepción das misas e oficios relixiosos en apoio e solidariedade cos compañeiros desprazados en Cataluña.