Concello de Valga
Avda. da Coruña, 14. 36645 Valga (Pontevedra) concello.valga@eidolocal.es Tlf. 986 559456 Fax. 986 559455

Detalles da novidade

A MOZAMBICANA AILINA DA MARTA DESPÍDESE DE VALGA “IMPRESIONADA POLAS INFRAESTRUTURAS E SERVIZOS” DO MUNICIPIO

- A topógrafa da localidade de Mandlakazi participou en encontros coas comunidades escolares dos colexios de Baño e Cordeiro

- Esta tarde rematará a súa estancia de tres días na vila cunha visita ao local do Belén Artesanal no que xa traballan os veciños para a montaxe do nacemento

11/10/2017

A técnica municipal de Mozambique Ailina Manuel da Marta Feinosse remata hoxe a súa estancia formativa en Valga logo de tres días no municipio nos que comprobou “impresionada” as infraestruturas coas que conta e os servizos que presta. “Non esperaba ver este nivel nun concello rural”, confesa a topógrafa da localidade de Mandlakazi que esta mañá, ademais de percorrer algunhas das estradas que discorren por Valga, participou en encontros coas comunidades educativas dos colexios de Baño e Cordeiro.

Ailina da Marta explicoulles aos escolares valgueses como son as escolas de Mandlakazi, nas que é obrigatorio que todos os alumnos vistan uniforme. Nalgúns casos, debido á falta de infraestruturas, as clases desenvólvense “baixo a sombra dunha árbore” e nas zonas máis rurais os nenos teñen que traballar e colaborar nas tarefas domésticas antes de ir ao colexio. Os pequenos xogan moito ás casiñas e contan con parques infantís e xardíns para divertirse. Tamén se referiu ás accións que están a poñer en práctica as administracións para minimizar a vulnerabilidade infantil debido á baixa renda de moitas familias. Están en marcha campañas de distribución de material escolar, almorzos solidarios e asistencia aos rapaces cunha nutrición deficiente e existen foros de debate sobre as problemáticas que afectan á infancia e as súas posibles solucións.

O alumnado dos centros educativos de Valga escoitou con moita atención a exposición de Ailina da Marta e preguntaron á topógrafa polo modo de vida en Mandlakazi e outras curiosidades como as comidas preferidas dos nenos, os animais que existen na zona, entre os que se atopan leóns, xirafas ou elefantes, ou a música africana. “Mozambique é un país moi musical, existen moitos músicos e grupos de danza”, explicoulles a participante no programa “Vacacións con Traballo” do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Ailina da Marta tamén destacou que “a agricultura é o principal medio de subsistencia” na súa vila, por iso outorgan moita importancia á educación e aos estudos para “conseguir recursos e chegar a ser algo na vida”.

Durante a xornada de onte, a topógrafa participou tamén nunha visita ao IES de Valga, ademáis de manter un encontro cun grupo de integrantes da asociación de palilleiras “A Bella Otero” e interesarse polas labores que realizan cos bolillos. Un paseo pola praia fluvial de Vilarello e un percorrido pola sede de Protección Civil para coñecer o traballo que realizan os servizos de emerxencias do municipio completaron a tarde de onte. Hoxe ten previsto acudir ao local do Belén Artesanal en Movemento en Campaña para ver os traballos de montaxe do nacemento que están a levar a cabo os veciños.

O alcalde, José María Bello Maneiro, e varios concelleiros do grupo de goberno despediron oficialmente esta mañá a Ailina da Marta, desexándolle que “sorte para que Mandlakazi siga medrando” e avanzando cara o seu pleno desenvolvemento.

A visita formativa de Ailina da Marta forma parte do programa Vacacións con Traballo que o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, do que é socio o Concello de Valga, ten en marcha dende o ano 2006. Consistente no envío de persoal para colaborar cos parceiros do Sur, nesta ocasión o Fondo deulle a volta ao proxecto para que sexan técnicos de localidades africanas os que viaxen a Galicia a intercambiar experiencias. Esta iniciativa de cooperación quere contribuír a reforzar as capacidades dos municipios de países empobrecidos, ao tempo que pon en valor a multiculturalidade e sensibiliza fronte ás desigualdades Norte-Sur.