Concello de Valga
Avda. da Coruña, 14. 36645 Valga (Pontevedra) concello.valga@eidolocal.es Tlf. 986 559456 Fax. 986 559455

Detalles da novidade

A AULA CEMIT PROGRAMA UN OBRADOIRO DE SMARTPHONES PARA MAIORES DE 60 ANOS E UN CURSO SOBRE HABILIDADES DIXITAIS

- O taller sobre móbiles e tabletas está programado para esta mañá a partir das 11 horas

- A actividade formativa “Sé Dixital” permitirá aos participantes obter un certificado oficial da Escola de Organización Industrial

10/10/2017

A aula CeMIT de Valga acolle mañá un obradoiro práctico de smartphones e tabletas para persoas maiores de 60 anos. Durante a sesión abordaranse cuestión como as diferencias entre IPhone o sistema Android, como chamar, instalar aplicacións de mensaxería ou empregar a cámara fotográfica do teléfono, as conexións a internet dende o móbil e as redes wifi ou como xestionar unha conta de correo electrónico, entre outras utilidades. O obradoiro comezará ás 11 horas e a súa duración prevista é de 90 minutos.

Dende a aula CeMIT valguesa emprazada no Auditorio Municipal poderá realizarse tamén o 19 de outubro o curso “Sé Dixital” a través de videoconferencia. Será a partir das 10 da mañá e o alumnado que complete a formación obterá un certificado oficial da Escola de Organización Industrial.

“Sé Dixital” é un programa de formación online para desenvolver habilidades dixitais e axudar aos cidadáns a facer negocios desde a súa localidade. O programa está baseado en contidos de alta calidade e coas últimas técnicas audiovisuais e linguaxes de comunicación, con expertos e especialistas e adaptados á realidade de cada municipio ou comunidade.

A formación consiste nun curso gratuíto de 20 horas de carga lectiva orientado a todos os cidadáns, profesionais e comercios ao que se podera acceder durante aproximadamente un mes e medio (45 días) utilizando a plataforma de formación creada expresamente para o programa e que estará dispoñible desde calquera dispositivo fixo ou móbil, coa vantaxe engadida que para ser alumno de “Sé Dixital” non se requiren coñecementos previos.

Algúns dos contidos nos que se formarán os participantes son: oportunidades para os negocios desde a súa localidade, tecnoloxía básica para os negocios e a promoción en canles dixitais, consideracións xurídicas básicas sobre propiedade intelectual e protección de datos e outras temáticas relacionadas coa economía dixital. Durante a duración da actividade, os alumnos terán acceso á comunidade de aprendizaxe local e nacional e contarán con titores e dinamizadores específicos para cada localidade.

Exames de teleformación e para a obtención do Codix

Continuando coa súa actividade, na aula dixital de Valga poderá realizarse o 27 de outubro o exame presencial EMA Teleformación. Soamente poden inscribirse nestas probas as persoas que activaran a opción de “Cuestionario de avaliación” na plataforma de teleformación EMA unha vez seguidos todos os contidos do curso. Unha vez realizada a súa inscrición é necesario ter recibido o correo confirmatorio de “Matriculación” para asistir ás probas.

A listaxe dos cursos EMA de Teleformación dispoñibles é a seguinte:

  • Control parental
  • Seguridade informática
  • Uso do libro electrónico
  • Uso da tableta
  • Uso da cámara dixital
  • Uso dos dispositivos electrónicos
  • O correcto aproveitamento dos smartphone
  • Cloud computing
  • Comercio electrónico
  • Mercadotecnia e mercadotécnica nas redes
  • Vendas no muro
  • Posicionamiento social
  • Creación de blogs
  • Redes sociais
  • Administración Electrónica
  • Trámites económicos na Internet
  • Factura electrónica
  • Tramitación electrónica e xestión de documentación
  • Seguridade en compras virtuais
  • Innovación social

Por último, a aula CeMiT realizará na mañá do 17 de novembro as probas libres para a obtención do CODIX, un certificado de competencias dixitais en ofimática que acredita contar cos coñecementos, capacidades e aptitudes no ámbito das tecnoloxías da información e da comunicación que se precisan para ser eficiente no manexo de aplicacións ofimáticas.