Concello de Valga
Avda. da Coruña, 14. 36645 Valga (Pontevedra) concello.valga@eidolocal.es Tlf. 986 559456 Fax. 986 559455

Detalles da novidade

O GDR INFORMOU NO AUDITORIO SOBRE AS AXUDAS DO PROGRAMA LEADER PARA EMPRENDEDORES E PROXECTOS DE ENTIDADES PÚBLICAS E PRIVADAS

- As iniciativas subvencionables e a porcentaxe de axuda pode consultarse na páxina web do GDR ou no teléfono 986 74 49 09

- O Leader 2014-2020 ten como principal obxectivo descentralizar as políticas de desenvolvemento rural

10/10/2017

O Auditorio de Valga acolleu na tarde de onte unha reunión informativa promovida polo Grupo de Desenvolvemento Rural para informar sobre a nova convocatoria de axudas do programa Leader 2014-2020 das que poden ser beneficiarios calquera persoa física ou xurídica que promova un proxecto no ámbito de actuación do GDR Salnés Ulla-Umia, por exemplo comunidades de montes en man común, entidades públicas de carácter local ou persoas físicas ou xurídicas de carácter privado.

O programa Leader é o conxunto de medidas do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020 impulsado pola Unión Europea e que ten como principal obxectivo descentralizar as políticas de desenvolvemento rural, de maneira que o territorio rural deixe de ser un simple destinatario destas políticas para converterse en protagonista do seu propio desenvolvemento a través da unión dos axentes públicos e privados organizados no GDR. O Grupo de Desenvolvemento Rural do Salnés e Ulla-Umia está composto por máis de 217 socios, implicando aos diferentes sectores da zona e fomentando a cooperación e o traballo en rede.

As iniciativas subvencionables polo Leader 2014-2020 abarcan investimentos no sector da produción agraria primaria; en transformación e comercialización de produtos agrarios e forestais; investimentos que supoñan a diversificación das explotacións agrarias cara a actividades non agrarias; creación, modernización ou ampliación de todo tipo de empresas que desenvolvan actividades non agrarias; ou investimentos en proxectos non produtivos. En xeral, os gastos subvencionables comprenden: construción, adquisición e mellora de bens inmobles, instalacións e compras de maquinaria, equipamento e material funxible, adquisición de terreos non edificados e custos xerais como estudos técnicos, gastos de proxectos, dirección de obra, estudos de viabilidade, patentes ou licencias.

Para os proxectos produtivos a porcentaxe mínima de axuda é do 15% e a máxima do 50%. Para os proxectos non produtivos a axuda mínima é do 30% e a máxima do 90, 70 ou 50% dependendo de se se trata dun proxecto de prioridade alta, media ou baixa. A presentación das solicitudes farase ao longo de todo o ano, establecéndose dúas bolsas anuais con data de 31 de marzo e 31 de maio onde os proxectos participan en concorrencia competitiva.

Pode obterse máis información e a documentación necesaria para presentar as solicitudes de axuda nas oficinas do GDR en Vilalonga (Sanxenxo), onde o equipo técnico do Grupo de Desenvolvemento presta os servizos de asesoramento e información. Tamén se pode contactar cos técnicos a través dos teléfonos 986 74 49 09 ou 650 255 914 e no enderezo electrónico info@gdrsalnesullaumia.com. Hai máis información dispoñible na páxina web do GDR: http://gdrsalnesullaumia.com