Concello de Valga
Avda. da Coruña, 14. 36645 Valga (Pontevedra) concello.valga@eidolocal.es Tlf. 986 559456 Fax. 986 559455

Detalles da novidade

A XUNTA INSTALA NOVAS VENTÁS NO COLEXIO XESÚS FERRO COUSELO DE CORDEIRO

- As obras comezaron a principios de mes e prolongaranse ata a vindeira semana

- O deterioro das vellas provocaba a entrada de aire ao interior das aulas e causaba incomodidades á comunidade educativa

10/10/2017

A Consellería de Educación financia con 53.283,06 euros a mellora da carpintería exterior do CEP Plurilingüe Xesús Ferro Couselo de Cordeiro. En concreto estanse a substituír 23 fiestras do edificio educativo que, debido ao seu deterioro, provocaban a entrada de aire ás aulas e outras dependencias, o que limitaba a eficacia do sistema de climatización e causaba incomodidades á comunidade educativa.

As obras comezaron a principios do mes de outubro e, segundo a previsión da empresa adxudicataria, poderían estar rematadas a vindeira semana. Os traballos consisten na instalación de fiestras novas con rotura de ponte térmico e caixón de persiana incorporado capaces de evitar a entrada do aire, na procura dun bo clima de habitabilidade e conseguindo ao mesmo tempo un mellor confort térmico, de xeito que poida reducirse o gasto de combustible.

Unha boa parte da vellas ventás do centro educativo de Cordeiro eran de aluminio anodizado con acristalamento sinxelo e atopábanse deformadas debido ao paso do tempo. Ademais, o sistema de peche operaba defectuosamente na meirande parte das fiestras, non conseguindo a estanqueidade desexada. Todo isto provocaba a entrada de aire en días de vento, empurrando as placas do falso teito de fibra de vidro, facéndoas caer e dispersando as fibras polo ambiente, xerando incomodidades como irritación ou alerxias á comunidade educativa.

O goberno municipal felicítase por esta aportación da Consellería de Educación, xa que “as ventás do centro tiñan máis de trinta anos e non se cambiaran desde que abriu o colexio”, explica o alcalde, José María Bello Maneiro.